Descende un 50% o número de casos activos no Sistema VioGén no concello de Ribadavia con respecto ao ano 2020

Xunta Local de Seguridade de Ribadavia

14/09/2021

Emilio González e Noelia Rodríguez copresiden a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación de seguridade cidadá no municipio

Os índices de criminalidade en Ribadavia atópanse en niveis baixos con respecto a concellos de similar poboación da provincia


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se realizou unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

No tocante aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Emilio González sinalou que indican un descenso dos casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén) con respecto ás cifras aportadas na Xunta Local de Seguridade celebrada no ano 2020, pasando de catro casos activos a dous. Deles, un presenta risco baixo e outro risco non apreciado. Constátase que un dos casos conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación.

En relación á seguridade cidadá púxose de manifesto que os índices de criminalidade en Ribadavia se atopan en niveis baixos con respecto a concellos de similar poboación da provincia. "Trátase dun municipio que presenta uns niveis de seguridade óptimos", destacou o subdelegado do Goberno.

Emilio González sinalou que se observa un aumento da cifra de infraccións administrativas durante o ano 2020, motivado en boa medida polos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte a COVID-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

Así mesmo, con respecto aos delitos telemáticos rexístrase un repunte e, neste sentido, o subdelegado do Goberno subliñou a “necesidade de que a cidadanía tome conciencia da importancia de poñer en práctica todas as medidas de seguridade posibles á hora de realizar compras por Internet”.

Na Xunta Local de Seguridade acordouse seguir colaborando e reforzando os operativos por parte da Garda Civil naquelas situacións nas que o Concello o solicite. Emilio González agradeceu a labor levada a cabo polas forzas e corpos de seguridade e salientou a coordinación existente entre a Garda Civil e a Policía Local de Ribadavia, “o que repercute nunha maior garantía da seguridade cidadá e do cumprimento das medidas sanitarias fronte a COVID-19”.

PLAN DIRECTOR

No relativo ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, continuarase cos dispositivos de vixilancia por parte da Garda Civil e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

Durante o curso 2021-2022 reforzaranse os mecanismos de comunicación e colaboración coa comunidade educativa por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado co fin de ofrecer distintos recursos cos que informar e formar aos participantes sobre acoso escolar; uso das novas tecnoloxías; consumo de drogas e alcol; violencia de xénero; condutas  incívicas, violentas e vandálicas; e racismo, xenofobia e intolerancia, entre outras temáticas. Así mesmo, fíxose especial fincapé na necesidade de impulsar a participación do alumnado e dos proxenitores nestas actividades.