Maica Larriba pide aos novos comisarios de Marín e Vilagarcía traballar para garantir unha sensación de maior seguridade nas vilas

Maica Larriba pide aos novos comisarios de Marín e Vilagarcía traballar para garantir unha sensación de maior seguridade nas vilas

13/09/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta tarde a toma de posesión dos novos inspectores xefes das Comisarías de Policía Nacional de Marín e Vilagarcía de Arousa.  

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta tarde o acto de toma de posesión dos novos comisarios das localidades de Marín e Vilagarcía. Desde hoxe, Javier Rodríguez Foz estará á fronte da xefatura da Comisaría da Policía Nacional de Marín e Luís Francisco  Hombreiro Noriega da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa.
A subdelegada do Goberno quixo felicitar aos novos comisarios, aos que lles pediu “manter a ambas localidades nuns cocientes de delincuencia como mínimo semellantes aos actuais”. Como máxima responsable, Larriba pediulles ademais “un esforzo maior para mellorar as cifras que manexamos na actualidade, garantido así a sensación de seguridade da cidadanía”. 
Larriba, que quixo agradecer o traballo dos dous comisarios saíntes, Esteban Pinillos e José María Quintana, destacou as boas cifras de Vilagarcía, que no verán experimentou un descenso medio dos roubos e furtos do 20 %, “como un exemplo dese bo traballo policial, sobre todo, nuns meses nos que a súa poboación increméntase considerablemente”. A subdelegada, que indicou tamén que as cifras numéricas de Marín non representan unha gran preocupación, pediu, non obstante, aos novos comisarios “un plus de traballo para deixar todos os índices en negativo”.
Así mesmo, Larriba lembrou aos inspectores a necesidade de prestar especial atención á loita contra os ciberdelitos, que “están a superar cotas ata o de agora non vistas” e de incidir na loita contra a violencia machista. “Sodes a punta de lanza na protección das mulleres fronte aos seus agresores e é necesario seguir multiplicando esforzos para acabar con esta secuela que empaña a nosa sociedade”, afirmou Larriba.

Por último, a subdelegada do Goberno subliñou a importancia de colaborar cos diferentes axentes locais, e en especial, coa Policía Local de cada municipio, para manter a seguridade cidadá, “Na loita contra a criminalidade precisamos estar acompañados, e é nesta loita na que vos desexo todos os éxitos”, finalizou