José Miñones destaca que o Goberno transfire 2,3 M€ aos concellos galegos para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e multiplica por dous os fondos de 2020

José Miñones destaca que o Goberno transfire 2,3 M€ aos concellos galegos para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e multiplica por dous os fondos de 2020

13/09/2021

O delegado amosa o compromiso do Executivo cos servizos municipais que conforman a primeira liña de asistencia ás vítimas de violencia machista

As administracións galegas suman este ano máis de 12 millóns de euros de transferencias na materia

Os fondos que hoxe distribúe o Goberno aos concellos poderán financiar programas que se desenvolvan ata xuño de 2022


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destaca o compromiso do Executivo coa financiación dos servizos municipais e que se manifesta nos fondos aos concellos para o financiamento de medidas contra a violencia de xénero, que multiplica por dous este ano. Segundo se detalla hoxe no BOE, os concellos de Galicia recibirán 2.364.593,73 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O delegado puxo en valor que esta cantidade permitirá axudar mellor ás entidades locais, que configuran a primeira liña de acción contra a violencia machista.

Por provincias, os concellos da provincia da Coruña recibirán 927.693,93 euros; os de Lugo, 370.256,23 €; a provincia de Ourense, 335.917,05 € e os concellos de Pontevedra recibirán 730.726,52 €.

Os criterios de repartición foron establecidos polo Real Decreto 1023/2020, de 17 de novembro: criterios de poboación, a incorporación ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGen) do Ministerio do Interior e a existencia de vítimas usuarias do Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas da violencia de xénero (Atenpro) empadronadas no municipio.

Os concellos deberán destinar estos fondos a programas para a erradicación da violencia sobre a muller. Así, poderán realizar campañas de sensibilización e prevención; reforzar os servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller ou realizar actuacións encamiñadas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes. Ademáis, poderán reforzar dos Corpos de Policía Local adheridos ao Sistema VioGen e os Puntos de Encontro Familiar.

12 millóns en Galicia

A loita contra a violencia de xénero é unha das políticas prioritarias do Goberno de España. Cos fondos distribuídos hoxe, este ano, o Goberno de España destina a Galicia máis de 12 millóns de euros para o desenvolvemento de accións específicas de axuda, mellora de coordinación e tarefas preventivas.

Esta cantidade resulta de sumar os fondos a concellos coas transferencias anuais á Xunta para traballar en materia de igualdade e que alcanzaron os 10 millóns de euros:

- 7,9 millóns no marco do Pacto de estado contra a Violencia de Xénero. Este investimento supón un incremento de case 200.000 € con respecto ao ano pasado, tanto para asistencia social integral como para violencia sexual.

- 0,7 millóns, para o desenvolvemento de programas de asistencia social a vítimas de violencia de xénero e atención de menores, mellorar a coordinación, elaborar plans personalizados e dar apoio a vítimas de agresións sexuais.

- 1,4 millóns para o desenvolvemento do plan “España protéxete” para a creación dos Centros de Atención Integral 24 horas a vítimas de violencia sexual.