José Miñones trasladará ao MITECO as reclamacións dos afectados polo proxecto de restauración da canteira de Casalonga (Teo)

07/09/2021

O delegado do Goberno reuniuse coa plataforma que aglutina aos veciños e veciñas desta parroquia teense

Coñeceu a posición da asociación que se opón ao proxecto que promove a empresa Toysal para esta antiga explotación canteira


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladará ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico as reclamacións da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos do Concello de Teo (A Coruña) ao obxecto de que se coñeza a situación do proxecto que promove a empresa Toysal para a restauración da canteira ubicada nesta parroquia.

José Miñones reuniuse en días pasados con membros desta Plataforma ao obxecto de coñecer a súa problemática. Á reunión asistiron o presidente da Asociación, Jaime García; o vicepresidente, Miguel Iglesias Rarís; o vogal Miguel Iglesias Villar, que estiveron acompañados pola concelleira do Concello de Teo, Uxía Lemus.

Durante a reunión, o delegado amosouse sensible ás demandas destes veciños e veciñas que consideran que o proxecto dana os seus intereses e amenaza a calidade ambiental desta parroquia. Ademais, amósanse contrarios ao proceso de expropiación dunha pista que permite o acceso á devandita canteira.

Na reunión analizaron as posibilidades legais relativas a este proxecto sobre a explotación mineira, para o que a Consellería de Economía vén de autorizar a actualización do plan de restauración.