A subdelegada analiza co alcalde de San Tirso de Abres proxectos de mellora da seguridade viaria na N-640

Imaxe subdelegada e alcalde San Tirso Abres

07/08/2020

 Isabel Rodríguez e Clemente Martínez estudaron varias iniciativas deste concello asturiano que son competencia da Unidade de Estradas de Lugo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recibiu hoxe ao alcalde de San Tirso de Abres, Clemente Martínez, que viaxou a Lugo acompañado polo segundo tenente de alcalde deste municipio, Fernando Asenjo, para interesarse por varios proxectos destinados a mellorar a seguridade viaria no seu concello. Ainda que San Tirso de Abres é un concello pertencente ao Principado de Asturias, o treito da estrada N-640 que o atravesa é competencia da Unidade de Estradas da provincia de Lugo.

 

A subdelegada anuncioulle ao alcalde que se interesará por todas as iniciativas que lle trasladou, todas elas encamiñadas a mellorar a seguridade viaria neste concello, como son a creación dunha glorieta que regule o tráfico no cruce de entrada a San Tirso e ao polígono de Trabada, o permiso para a creación dunha saída de camións á estrada nacional alternativa á actual e a creación dun paso soterrado para aumentar a seguridade dos usuarios da senda do ferrocarril.