Isabel Rodríguez anuncia que Adif tramita as expropiacións para ampliar o paso sobre a vía do tren no Pumariño (Xove)

Imaxe proxecto paso do Pumariño

17/07/2020

 Adif asume a redacción do proxecto e a dirección das obras e o Concello financiará os traballos, segundo o convenio asinado en 2015


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou esta mañá de que Adif comezou os trámites para a expropiación de terreos no concello de Xove para o proxecto de ampliación e mellora do paso superior da vía do tren existente no Pumariño.

 

Isabel Rodríguez explicou que Adif dálle así un pulo a unha actuación prevista nun convenio que asinaron hai cinco anos, o 26 de maio de 2015, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias e o Concello de Xove. 

 

O obxectivo deste proxecto é mellorar a configuración deste paso superior, así como da integración do vieiro urbano coa traza do ferrocarril no barrio do Pumariño.

 

A valoración estimada destas obras de mellora ascende a 210.000 euros (IVE incluído). O convenio estipula que Adif asume a redacción do proxecto e a dirección das obras, mentres que o Concello sufragará os traballos. A redacción do proxecto foi adxudicada en algo máis de 15.000 euros a INCOSA (Investigación y Control de Calidad SA).

 

A actuación consistirá na mellora das condicións xeométricas que na actualidade impiden o paso de vehículos pesados entre o barrio do Pumariño e o resto do concello polo seu acceso norte a través deste paso superior.

 

A solución desenvolvida consiste na execución dun paso superior sobre a vía férrea, adosado pola súa marxe oeste á estrutura actual pero sen tocala. Mantense a rampla existente en planta, pero modificando lixeiramente a pendente para o cal é preciso prolongar o muro existente para evitar que afecte á rúa e vivenda existente.

 

O trazado que se proxecta ten a súa orixe e remate no vieiro existente, de xeito que se poida manter en servizo o paso actual durante a execución da estrutura, pero será necesario desviar o tráfico durante a execución da rampla. O novo vieiro ten unha lonxitude de 46,713 metros sendo a lonxitude da estrutura 15,10 metros a a anchura 8,60.

 

Para mellorar o paso de pequenos camións, como pode ser o do lixo, amplíase a sección na estrutura e na curva pasando de unha anchura de 4 metros a unha de 7,20 metros de xeito que poidan virar pequenos camións e furgonetas.

 

Adif publicou hai uns días no Boletín Oficial do Estado o anuncio polo que somete a información pública, a efectos de expropiacións, o proxecto de ampliación e mellora do paso superior ubicado no p.k. 97/470 da liña Ferrol-Xixón no Pumariño, así como a relación de bens afectados.

 

A documentación de expropiacións pode examinarse na Subdelegación do Goberno, no Concello de Xove, na Subdirección de Infraestrutura de Adif e na sección “Información pública” do Portal de Transparencia da web do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (www.adif.es).

 

Lémbrase que para facer xestións na Oficina de Información e Rexistro da Subdelegación do Goberno é preciso contar con cita previa. As solicitudes poden facerse a través de internet, na sede electrónica de Administracións públicas (https://sede.administracion.gob.es --> Atención e Información --> cita previa --> otras áreas--> Información General al Ciudadano y Registro), ou telefonicamente, chamando, en horario de 09:00 a 11:00 horas, ao teléfono 982 75 90 78.