Isabel Rodríguez informa da publicación no BOE da aprobación do proxecto de trazado da glorieta da N-VI en Outeiro de Rei

Imaxe da N-VI en Outeiro de Rei

16/07/2020

A subdelegada destaca que este proxecto do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana mellorará a seguridade viaria en Outeiro de Rei


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou esta mañá da publicación no Boletín Oficial do Estado da aprobación do expediente de información pública e o proxecto definitivo de trazado da glorieta na estrada N-VI ao seu paso polo concello de Outeiro de Rei.

 

A subdelegada lembra que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) aprobou a finais do mes de xuño o expediente de información pública e o proxecto definitivo de trazado de “Mellora de seguridade viaria mediante implantación de glorieta na intersección do km 513,670 da N-VI”, unhas obras que teñen un presuposto estimado de 365.472 euros.

 

A resolución do Ministerio inclúe varias prescricións que deberán incorporarse ao proxecto e que son consecuencia das alegacións presentadas durante o procedemento de información pública. 

 

A glorieta proxectada permitirá mellorar a seguridade viaria na intersección coa estrada autonómica LU-115, que soporta un intenso tráfico viario e peonil dada a proximidade do acceso á autovía A-6 e ao polígono industrial de Outeiro de Rei, así como pola existencia de distintos equipamentos e dotacións na zona.

 

A actuación proxectada consiste na transformación en glorieta da actual intersección en T, mellorando a súa funcionalidade e seguridade, permitindo axustar a velocidade media do tráfico e coa creación de novos cruces peonís seguros nos tres accesos á glorieta.